DIRECCIÓN XERAL DE EMPREGO PÚBLICO E ADMINISTRACIÓN DE PERSOAL

Funcións e competencias

A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal é o órgano ao cal lle corresponde, baixo a dependencia da persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, a execución da política de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais normativa que a desenvolva, e a xestión das competencias atribuídas á Consellería de Facenda e Administración Pública nesta materia. Para tal fin, coordinará a actuación dos órganos competentes en materia de persoal das distintas consellerías e entidades dependentes e ditará as instrucións oportunas.

Para iso, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal exercerá as seguintes funcións:

  • A realización dos estudos e traballos que en materia de persoal lle sexan encomendados ou coide conveniente efectuar.
  • A elaboración dos anteproxectos de disposicións en materia de función pública.
  • A fixación dos criterios a que se deberán someter todas as convocatorias públicas de libre designación e de persoal directivo.
  • A elaboración das ofertas de emprego público.
  • A coordinación coas distintas consellerías e coa Seguridade Social dos expedientes de xubilación parcial do persoal laboral.
  • A coordinación das eleccións sindicais do persoal funcionario e laboral.
  • A coordinación na elaboración das estatísticas do número de efectivos na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • A elaboración dos informes en materia de persoal conxuntos coa dirección xeral competente en materia de orzamentos e coa dirección xeral competente en materia de simplificación administrativa.
  • A proposta á persoa titular da consellería da convocatoria de probas selectivas para o ingreso nos corpos, escalas e categorías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, xestionados pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
  • A proposta de resolución dos expedientes de incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, agás do persoal que preste os seus servizos en centros pertencentes ao Sistema público de saúde de Galicia.
  • A tramitación dos expedientes de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e altos cargos da Administración autonómica sometidos ao título II da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, así como a custodia e a xestión dos rexistros de actividades e de bens patrimoniais de altos cargos.
  • A coordinación das relacións laborais e sindicais con respecto ao persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma.
  • As convocatorias para a elaboración de listas para a cobertura temporal de postos de persoal funcionario e laboral, en aplicación da norma que as regule.
  • A proposta, se é o caso, ao órgano competente da incoación de expedientes disciplinarios cando se detecten indicios racionais de responsabilidade administrativa na actuación do persoal, e a elevación ao Consello da Xunta de Galicia das propostas de imposición da sanción de separación do servizo ou despedimento do persoal xestionado pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
  • A emisión dos informes preceptivos e previos que sobre os proxectos de disposicións que afecten a materia de réxime de persoal ou estrutura orgánica estableza a normativa vixente.
  • A elaboración dos estudos e propostas sobre as relacións de postos de traballo, así como a elevación ao Consello da Xunta de Galicia das propostas ou modificacións das relacións de postos de traballo para a súa aprobación.
  • A coordinación coa Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio para levar a cabo, de ser o caso, a reasignación de efectivos, unha vez que esta realice os estudos organizativos necesarios para valorar as cargas de traballo das distintas unidades administrativas da Xunta de Galicia.
  • A xestión do Rexistro de persoal e de postos de traballo da Xunta de Galicia.
  • A xestión do Rexistro de persoal directivo e dos contratos de alta dirección.
  • A coordinación e/ou xestión do Rexistro de órganos de representación do persoal ao servizo da Administración xeral da Xunta de Galicia e dos seus organismos, axencias e entidades dependentes.
  • A proposta á persoa titular da consellería da convocatoria e resolución dos concursos ordinarios de traslados para a provisión de postos de traballo dos distintos corpos, escalas e categorías da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia xestionados pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
  • A fixación dos criterios para a elaboración das convocatorias dos concursos específicos por parte das persoas titulares das consellerías.
  • A ordenación e xestión dos procedementos de recoñecemento profesional e a elaboración das propostas de resolución do recoñecemento da carreira administrativa do persoal funcionario e do complemento de desempeño do persoal laboral do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
  • A coordinación e o impulso do teletraballo, xunto coa Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.

Contactos relacionados

  • Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
    Edificios administrativos - San Caetano, s/n
    15781 - Santiago de Compostela (A Coruña)
    Teléfono: 981 545 227