Xeración e presentación de solicitudes para as listas de contratación temporal

Esta aplicación permitiralle xerar todas as solicitudes normalizadas para as listas de contratación temporal e presentar telematicamente as solicitudes que teñan habilitada esta funcionalidade.

Inclusión nas listas

O procedemento para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo está regulado no Decreto 37/2006, de 2 de marzo (DOG núm. 48 do 9 de marzo), modificado polo Decreto 124/2016, do 8 de setembro (DOG núm. 178 do 19 de setembro), polo Decreto 60/2019, do 23 de maio (DOG núm 108, do 10 de xuño) e polo Decreto 160/2019, do 19 de decembro (DOG núm. 247, do 30 de decembro).

Por Orde do 22 de febreiro de 2021 do conselleiro de Facenda e Administración Pública, regúlase o procedemento para a presentación de solicitudes de inclusión nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia e se aproba o modelo normalizado de solicitude (código de procedemento AP522T) (DOG núm. 39, do 26 de febreiro de 2021).

A. Documentación que se debe presentar

Os documentos que deberán presentar as persoas interesadas para a inscrición nas listas de contratación temporal son os seguintes:

  1. Solicitude de inscrición debidamente cuberta. O modelo de solicitude de inscrición nas listas para a cobertura temporal de postos de traballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia estará ao dispor das persoas interesadas a partir do 1 de marzo de cada ano e ata o 30 de abril nesta mesma páxina, estando tamén accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia,  https://sede.xunta.gal 
    As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica ao igual que a documentación preceptiva. 
    Así mesmo, poderán presentarse no rexistro xeral da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, nas xefaturas territoriais e oficinas comarcais da devandita consellería, ou nos demais lugares previstos no artigo 16, relativo a rexistros, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xunto co resto da documentación requirida.
  2. Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas (código da taxa 05/13/07/300301): Segundo o disposto no anexo I da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, e a Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, o importe da taxa por inscrición nas listas para a cobertura con carácter temporal de postos de traballo na Administración da Comunidade Autónoma é, para o ano 2021, de 18,04 €. De acordo co establecido no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia estarán exentas do pago da taxa para a inscrición nas listas de contratación:
    • Persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%. 
    • Persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50%.
    • Bonificación do 50%. Persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, 6 meses antes da publicación da convocatoria (isto é, desde polo menos o 1 de setembro de 2020) e, ademais, non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego na data de presentación da solicitude.
  3. Certificado ou documento equivalente ao Celga 4 nas listas para os subgrupos A1, A2, C1, e grupos B, I, II e III; Celga 3 nas listas para o subgrupo C2 e grupo IV; Celga 2 para a agrupación profesional de funcionarios e grupo V, non expedidos polo órgano competente en materia de política lingüística. 
  4. Titulación ou formación non académica exixida para cada grupo, categoría, corpo, escala ou especialidade e documentación acreditativa dos requisitos exixidos para a inclusión na lista que non poidan ser obxecto de consulta por esta Administración (no apartado B recóllese a documentación que pode ser obxecto de consulta).
  5. No suposto de non ter nacionalidade española, documentación acreditativa de ter residencia legal en España, para a inclusión nas listas de persoal laboral temporal, e pasaporte e/ou documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,  para a inclusión nas listas de persoal funcionario interino.
  6. Nas listas das categorías pertencentes aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais: certificación de servizos prestados en concellos ou mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría (anexo II da Orde do 22 de febreiro de 2021), debidamente cumprimentada, polo persoal funcionario que se determina no citado anexo (documentación non obrigatoria que se presentará para os únicos efectos de valoración de méritos, se procede).
  7. Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33% non expedido pola Administración autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.

B. Comprobación de datos pola Administración

Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

  1. DNI/NIE.
  2. Título/s académico/s oficial/is universitario/s e non universitario/s exixido/s para a inclusión na lista correspondente.
  3. Documento xustificativo de estar en posesión do Celga correspondente, expedido polo órgano competente en materia de política lingüística. 
  4. Nas listas das categorías pertencentes aos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais, certificación de empadroamento.
  5. Certificado de discapacidade igual ou superior ao 33% expedido pola Administración Autonómica de Galicia, para a acreditación da exención do importe total da taxa.
  6. Certificado de familia numerosa de carácter especial (exención do pago da taxa) ou xeral (exención do 50%), ou carné familiar en que conste o dito carácter.
  7. Certificación da oficina de emprego na que conste que a persoa solicitante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde o 1 de setembro de 2020, e certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que na data de presentación da solicitude non está a percibir prestación ou subsidio por desemprego, para a acreditación da exención do 50% do importe da taxa.

As persoas integrantes das listas que na súa solicitude de inclusión autorizasen expresamente a consulta dalgúns datos pola Administración e que figurasen excluídas nas listas provisionais por causas relacionadas coa imposibilidade material da obtención dos ditos datos, deberán achegar, para acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos, no prazo concedido para formular reclamación contra as listas provisionais, copia auténtica da documentación respecto á cal non foi posible obter datos ao realizar a consulta.

A continuación relaciónanse as listas abertas. Aínda que as listas non estean abertas, poderán presentar solicitude as persoas que superasen algunha proba do último proceso selectivo ou teñan prestado servizos na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, corpo, escala ou especialidade.

CONSULTA AS LISTAS ABERTAS

Información importante para o correcto funcionamento da aplicación

Para que a aplicación funcione correctamente na internet Explorer debe escoller o nivel de seguridade medio-alto.
 
Accedendo ao menú Ferramentas>Opcións da internet, escoller a pestana "Seguridade" e no "Nivel de seguridade para esta zona" escoller medio-alto. Para presentar electronicamente a solicitude con validación por SMS debe empregar algún teléfono móbil proporcionado nalgunha das súas solicitudes de inclusión, reinclusión ou modificación de datos persoais. O sistema non lle pode proporcionar a información dos seus teléfonos por restricións impostas pola LOPDGDD (Lei Orgánica de Protección de Datos Persoais e Garantía dos Dereitos Dixitais).

Xeración de solicitudes

Modificación de datos

As persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo.

Solicitudes de cambio de ámbito ou de datos persoais

As persoas inscritas nas listas que desexen cambiar de ámbito ou modificar os seus datos persoais deberán facelo mediante unha solicitude con presentación electrónica.

As solicitudes poderán presentarse:

  1. Para cambio de ámbito: no mes de xaneiro de todos os anos; producirán efectos na xestión das listas para partir do 1 de marzo seguinte.
  2. Para cambio de datos persoais: en calquera momento; producirán efectos na xestión das listas desde o día seguinte ao da súa presentación.
    Exceptúase da presentación electrónica obrigatoria a comunicación do número de teléfono móbil, que tamén se poderá presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, mediante modelo normalizado que se poderá descargar na páxina web da Xunta de Galicia https://www.xunta.gal/funcion-publica/.
  3. Modificación do teléfono móbil: estas solicitudes non electrónicas producirán efectos transcorridos 10 días contados desde a data de presentación.
  4. Xeración de solicitudes

Modificación do municipio de empadroamento e actualización de méritos

Só para as categorías de persoal laboral dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais.

A solicitude de modificación do municipio de empadroamento pode presentarse no mes de xaneiro de cada ano, tendo efectos na xestión das listas a partir de 1 de marzo seguinte. Deberá achegarse coa solicitude a copia cotexada do certificado de empadroamento. Esta solicitude poderá afectar á baremación segundo establécese no artigo 9. bis letra b) do Decreto 37/2006.

A solicitude de actualización dos méritos referidos a servizos prestados en concellos e mancomunidades de municipios da Comunidade Autónoma de Galicia na mesma categoría, categorías análogas ou asimilables, no ano anterior, pode presentarse no mes de xaneiro de cada ano e deberá acompañarse do certificado de servizos prestados no concello ou mancomunidade de municipios.

Xeración de solicitudes

Solicitude de suspensión e reincorporación de chamamentos

As persoas integrantes das listas en cuxo expediente non figure un número de teléfono móbil están obrigadas a comunicalo para poder presentar as solicitudes de suspensión e de restablecemento de chamamentos.

Suspensión indefinida de chamamentos

As persoas integrantes das listas que non estean a prestar servizos a través das listas poderán solicitar a suspensión das citacións. A solicitude terá efectos en todas as listas nas que estea inscrita a persoa solicitante dende o día seguinte á súa presentación.

O modelo de solicitude estará á disposición das persoas interesadas neste portal https://www.xunta.gal/funcion-publica e deberá presentarse electronicamente

Xeración de solicitudes de suspensión

Reincorporación de chamamentos

A suspensión manterase en canto a persoa interesada non presente solicitude de reincorporación. A solicitude de reincorporación presentarase electronicamente no modelo que estará á disposición das persoas interesadas en https://www.xunta.gal/funcion-publica/ e producirá efectos transcorridos dez días desde a súa presentación.

Por aplicación da disposición adicional terceira da Lei 4/2021, do 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas, durante o período no que dure a situación de emerxencia sanitaria de interese galego, a solicitude de reincorporación ou reanudación de chamamentos formulada polas persoas integrantes das listas que solicitasen previamente a suspensión das citacións, regulada no artigo 15.2 do Decreto 37/2006, producirá efectos ao día seguinte ao da súa presentación.

Xeración de solicitudes de reincorporación

Readmisión automática tras penalización

As persoas integrantes das listas que estean penalizadas e queiran volver formar parte delas poderán solicitar a reincorporación. A solicitude de reincorporación presentada durante o período de penalización producirá efectos transcorrido o prazo dun ano, que se contará desde a data do feito causante da exclusión. A solicitude presentada con posterioridade á finalización do período de penalización producirá efectos o día seguinte ao da súa presentación.

A solicitude de reincorporación deberase realizar e presentar electronicamente na páxina web https://www.xunta.gal/funcion-publica/.

Xeración de solicitudes

Solicitude de devolución de taxas

Para solicitar a devolución de taxas deberá descargar e cubrir o formulario adxunto, gravalo e presentalo anexándoo mediante o procedemento PR004A na sede electrónica, dirixido á Dirección Xeral da Función Pública.

Contactos relacionados
  • Dúbidas de xestión
    Teléfono: 012 (981 900 643)
    Correo-e: 012@xunta.gal
    Horario: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas