AGRUPACIÓN TÁCTICA GALICIA
Misión de paz do exército español na ex-Iugoslavia
A Agrupación Táctica Galicia (AGT) foi o sexto continxente das forzas armadas españolas constituído no marco da misión da UNPROFOR (Forzas de Protección da ONU) na antiga ex – Iugoslavia. Baixo o mando do coronel Samuel Pellicer, a AGT desenvolve a súa misión entre abril e outubro de 1995.
O continxente, de case 1.400 homes e mulleres, tivo como base a Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable (BRILAT), con sedes en Figueirido (Galicia) e Siero (Asturias). A ela tamén pertencían os membros das unidades de Transmisións e Intelixencia e do grupo de Loxística.
A agrupación completábase con reforzos do Rexemento de Cabalería Lusitania 8 de Bétera (Valencia); unha unidade de policía militar da Garda Civil; unha unidade de patrullas de recoñecemento especial da Bandeira de Operacións Especiais da Lexión; e, por primeira vez nunha misión de paz, unha compañía de fusís do Rexemento de Forzas Regulares de Infantería Melilla 52 e unha sección de Fusís da Garda Real.
Integrada na Brigada Multinacional Oeste, estivo despregada na rexión de Istok, ao noroeste de Kosovo, salvo as unidades de Operacións Especiais e de Enxeñeiros, situadas nas cidades de Baja e Djakovica. Os cometidos da AGT foron tarefas de escolta de convois, atención sanitaria a persoal civil, realización de obras de infraestrutura, promoción e mediación nas negociacións para lograr a liberación e intercambio de prisioneiros de guerra.
UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (Santiago 1495).
Institución educativa galega de maior raizame
A acción do notario compostelán Lope Gómez de Marzoa ao crear en 1495 unha escola para pobres, coñecida como Estudo de Gramática, no mosteiro de San Paio de Antealtares foi o primeiro xermolo da universidade compostelá, a institución educativa con máis tradición e raizame de Galicia.
Tras a bula do papa Xulio II, que permite que se impartan estudos superiores, a comezos do século XVI será o arcebispo Alonso III de Fonseca, home renacentista, culto e mecenas, o que lle confira o impulso definitivo. Os séculos XVI e XVII favorecen a creación dos grandes colexios universitarios, mentres que o século XVIII supón unha fonda transformación, secularizándose e arredándose do control eclesiástico.
Carlos III confírelle a condición de rexia e os terreos e edificios que os xesuítas posuían en Santiago. Incorpóranse novas disciplinas prácticas e científicas. Para a Universidade de Santiago, o século XX é un período de vaivéns.
Comeza cunha xeración de intelectuais, que protagonizarán o rexurdimento da cultura galega, incorpórase a muller ás aulas e establécense novos contactos con centros universitarios estranxeiros. Tras a Guerra Civil, a universidade convértese no bastión da oposición antifranquista na cidade. A finais de século prodúcese a segregación e a creación das novas universidades da Coruña e Vigo.
Actualmente a universidade santiaguesa conta con dous campus, Santiago e Lugo, unha trintena de centros, sesenta titulacións e máis de 40.000 alumnos.
JUAN CARLOS WASMOSY MONTI (Asunción, 1934).
Presidente da República de Paraguai
A morte da súa nai, cando el tiña dous anos, obrígao desde novo a compaxinar os estudos co traballo para apoiar a economía familiar. Estuda en Asunción primaria e bacharelato, e en 1962 obtén a licenciatura de Enxeñaría civil pola Facultade de Ciencias Físicas e Matemáticas da Universidade Nacional de Asunción. Posteriormente amplía estudos en administración de empresas e construción industrial.
Desenvolve a súa carreira profesional no sector privado, sobre todo na construción e a gandaría. Encabeza os consorcios empresariais que ganan os concursos para a realización das obras, na parte paraguaia, de dúas presas hidroeléctricas sobre o río Paraná, entre elas a de Itaipú, a máis grande do mundo.
Desde 1973 forma parte da hexemónica Asociación Nacional Republicana-Partido Colorado (ANR-PC). Tras exercer brevemente como Conselleiro de Estado, en 1991 é nomeado ministro de Integración no Goberno do xeneral Andrés Rodríguez Pedotti (1989-1993), autor do golpe que derrocou o xeneral Alfredo Stroessner, tras 35 anos de ditadura.
En 1993 Wasmosy gana as primeiras eleccións democráticas que se celebran en Paraguai desde 1954. A súa presidencia estivo condicionada por continuos enfrontamentos internos entre as faccións do seu partido e por inxerencias militares.
Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, Juan Carlos Wasmosy foi distinguido con numerosas condecoracións de países americanos e europeos, así como cos doutoramentos honoris causa en Enxeñaría Agrícola pola Universidade de Toquio e en Ciencias Políticas pola Universidade de Kyung Hee de Seúl (Corea do Sur).