Xunta de Galicia
Xacobeo 2021

Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2009

  • Gerardo Fernández Albor
  • Fernando González Laxe
  • Manuel Fraga Iribarne
  • Emilio Pérez Touriño

Gerardo Fernández Albor (Santiago de Compostela, 1917).

Ex – Presidente da Xunta de Galicia

Realiza os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, interrompidos temporalmente a causa da Guerra Civil. Posteriormente doutórase pola Universidade de Salamanca e amplía a súa formación en Barcelona, Madrid, Londres, París, Lión e Viena.

Especialista en cirurxía xeral e dixestiva, é fundador e director do Instituto Policlínico A Rosaleda, foi responsable do servizo de cirurxía xeral do Centro de Diagnóstico e Tratamento Concepción Arenal, de Santiago de Compostela, e primeiro presidente da Sociedade Española de Colo-Proctoloxía, entre outras actividades médicas.

Entre os anos 50 e 60, entra en contacto con intelectuais galegos como García-Sabell, Fermín Penzol ou os membros da Editorial Galaxia. Froito disto xorde o seu compromiso galeguista que o leva a participar na creación, entre outras iniciativas, da editorial SEPT, da Fundación Penzol, da Fundación Rosalía de Castro, da Fundación Castelao ou do Museo do Pobo Galego.

Entra no mundo político durante a transición e en 1981 recibe a invitación de Alianza Popular para ser o candidato á presidencia da Xunta nas primeiras eleccións autonómicas, que gana en 1982. Tras repetir vitoria en 1986, ao ano seguinte deixa o cargo tras unha moción de censura.

Parlamentario Europeo entre 1989 e 1999, na actualidade continúa como membro de numerosas institucións médicas e culturais.

Fernández Albor, ademais da Medalla de Ouro de Galicia, recibiu numerosas distincións, entre outras a Grande Cruz da Orde do Mérito da República Federal de Alemaña e a Medalla Robert Schumann.

Gabinete de Prensa

Fernando González Laxe (A Coruña, 1952).

Ex – Presidente da Xunta de Galicia

Licenciado en Ciencias Económicas e Doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, inicia a súa traxectoria como docente nun colexio universitario da Coruña.

En 1977 ingresa no PSG (PSdG-PSOE).

É subdirector xeral de pesca na Xunta preautonómica e primeiro tenente de alcalde e portavoz socialista no concello da Coruña, antes de ser nomeado, en 1982, director xeral de Ordenación Pesqueira do Goberno español. Como tal, dirixe as negociacións pesqueiras no proceso de adhesión de España á Comunidade Económica Europea, e é o representante na Conferencia Mundial da FAO que trata sobre a ordenación e o desenvolvemento pesqueiro.

Candidato á presidencia da Xunta en 1986, é designado senador pola Comunidade.

En 1987, co apoio de Coalición Galega e Partido Nacionalista Galego, presenta unha moción de censura contra Fernández Albor, converténdose en presidente da Xunta ata as eleccións autonómicas de 1989.

Tras deixar o Senado en 2000 e o Parlamento de Galicia en 2001, González Laxe arrédase da actividade política, dedicándose ao ensino e á súa actividade como experto en temas marítimos e pesqueiros.

Entre 2009 e 2012 ocupa a presidencia do organismo público Portos do Estado.

Autor de varios libros sobre estrutura económica e sobre o sector pesqueiro, foi distinguido, ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, con outros recoñecementos como a Medalla de Ouro da cidade da Coruña e a Orde de Isabel A Católica.

Gabinete de Prensa

Manuel Fraga Iribarne (Vilalba-Lugo, 1922).

Ex – Presidente da Xunta de Galicia

Licenciado en Dereito e en Ciencias Políticas e Económicas e Doutor en Dereito, con premio extraordinario en ambos os casos.

En 1945 ingresa, por oposición, co número un da súa promoción, no Corpo de Letrados das Cortes Españolas; e dous anos máis tarde, tamén co número un, na Escola Diplomática.

En 1948 obtén a Cátedra de Dereito Político da Universidade de Valencia e, en 1953, trasládase á de Teoría do Estado e Dereito Constitucional da Universidade Complutense.

En 1951, como secretario xeral do Instituto de Cultura Hispánica, inicia unha densa traxectoria política e institucional, que abarca desde a Ditadura ata a democracia.

Como ministro de Información e Turismo (1962-1969), impulsa a conversión de España nunha potencia turística, e promove a Lei de Prensa e Imprenta, que entre outras medidas supuxo a supresión da censura previa.

Embaixador de España en Londres no momento clave da morte de Franco, vicepresidente e ministro de Gobernación no primeiro executivo da monarquía; en 1976 funda Alianza Popular e en 1978 é membro da comisión redactora da Constitución Española.

Deputado nacional e eurodeputado, en 1990 alcanza a Presidencia da Xunta de Galicia, que exerce ata 2005. Durante o seu mandato participa activamente no proceso de desenvolvemento autonómico, aumentando o teito de competencias de Galicia, sen deixar de lado a xestión, na que consegue notables avances en materias como as comunicacións, crecemento económico, sanidade, educación ou proxección exterior, sobre todo con Iberoamérica, reforzando os vínculos coas comunidades galegas.

Manuel Fraga é autor de 90 libros, a maioría sobre ciencia política e teoría do Estado.

Doutor honoris causa por 14 universidades de todo o mundo, tamén foi recoñecido, ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, coa Grande Cruz da Orde do Infante Don Henrique de Portugal, a Grande Cruz da Orde de Carlos III ou a Grande Cruz de Isabel A Católica, entre outras distincións.

Gabinete de Prensa

Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 1948).

Ex – Presidente da Xunta de Galicia

Aínda que nace na Coruña, con apenas un mes os seus pais trasládanse a Pontevedra.

Doutor en Ciencias Económicas e profesor numerario na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi vicerreitor para Asuntos Económicos. Especialízase no Instituto de Investigación e Planificación do Desenvolvemento na Universidade de Grenoble (Francia).

Dirixente estudantil e militante progresista durante a transición democrática, participa directamente no proceso do Estatuto de Autonomía de Galicia e nos pactos do Hostal que o posibilitaron.

Desde 1985 ata 1994, participa nos gobernos socialistas, en cargos relacionados co sector do transporte e das infraestruturas. Entre eles o de secretario xeral de Infraestruturas, no Ministerio de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente, desde onde participa na modernización das redes viarias e ferroviarias españolas.

Renuncia en 1997 ao seu escano no Congreso dos Deputados, para encabezar a candidatura do PSdeG nas eleccións galegas. Elixido deputado, convértese no portavoz do seu grupo parlamentario e en outubro de 1998 é proclamado Secretario Xeral do PSdeG-PSOE.

En 2005, os resultados electorais dos comicios autonómicos permítenlle formar un goberno de coalición co Bloque Nacionalista Galego (BNG) e ser elixido Presidente da Xunta, posto en que permanece ata 2009.

Pérez Touriño é autor de numerosos estudos sobre temas de desenvolvemento rexional e economía agraria no marco da Unión Europea.

Gabinete de Prensa