Súa Santidade o Papa Xoan Pablo II (Wadowice-Polonia, 1920-Roma, 2005).
Papa da Igrexa Católica
A infancia e mocidade de Karol Jósefz Wojtyla vese marcada pola perda dos seus familiares máis próximos: a nai en 1929, o irmán máis vello (médico) en 1932 e o pai (suboficial do exército) en 1941.
Tras estudar na súa localidade natal, en 1938 matricúlase na Uniwersytet Jagiellonski de Cracovia e nunha escola de teatro. Durante a ocupación nazi traballa nunha canteira e nunha fábrica química para evitar a deportación e comeza, clandestinamente, tanto a súa formación sacerdotal, coma a súa actividade teatral.
Ordenado sacerdote en 1946, afonda nos seus estudos teolóxicos en Roma e atende pastoralmente as comunidades de emigrantes polacos en Bélxica, Francia e Holanda. Nomeado bispo Auxiliar de Cracovia en 1958, arcebispo de Cracovia en 1964 e cardeal en 1967, é elixido papa en 1978, adoptando o nome de Xoán Paulo II.
En 1981 é vítima dun atentado na praza de San Pedro, ás mans de Mehmet Alí Agca. Durante o seu pontificado, un dos máis longos da historia, desenvolve unha intensa actividade viaxeira e de achegamento a todos os continentes, visitando 129 países, fomentando o diálogo coas demais relixións. Impulsa en 1985 as Xornadas Mundiais da Xuventude e en 1994 os Encontros Mundiais das Familias. Xoán Paulo II proclamou 1338 beatos e 482 santos, equivalente aos 400 anos anteriores, e creou 232 (1 in pectore) cardeais.
É considerado unha das pezas clave na caída dos réximes comunistas do Leste de Europa.
Entre os seus principais documentos inclúese: 14 Encíclicas, 15 Exhortacións apostólicas, 11 Constitucións apostólicas e 45 Cartas apostólicas; así como varias obras filosóficas, de poesía e teatro.