Xunta de Galicia
Xacobeo 2021

Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2010

  • Cabido da Catedral de Santiago de Compostela
  • Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Cabido da Catedral de Santiago de Compostela

Institución eclesiástica

O ano 1102 o bispo Diego Xelmírez institúe o Cabido da Catedral de Santiago de Compostela, composto por 72 cóengos. Desde os seus mesmos comezos exerce unha grande influencia sobre a cidade, na súa dobre función de referente cultural e espiritual, e de órgano de xestión e goberno do propio conxunto catedralicio.

Ao longo dos seus máis de novecentos anos de existencia, a influencia do Cabido púxose de manifesto en numerosas ocasións, coma cando houbo que modificar un Breviario Romano que puña en dúbida a peregrinación do Apóstolo a Hispania, ou cando, no século XVII, conseguiu devolver ao Apóstolo a súa condición de único patrón de España.

Influencia que se evidencia tamén ao ter convertido Santiago de Compostela nun referente e centro artístico de primeira magnitude, a través do Obradoiro da Catedral. Do mesmo xeito, o papel do Cabido foi esencial no desenvolvemento do propio camiño xacobeo, achegando seguridade aos peregrinos ata nos momentos de maior dificultade histórica, prestándolles protección xurídica polos distintos reinos que atravesaban, dando a consideración de peregrino, desde a Idade Media, a todo aquel que realizase máis de 100 quilómetros a pé.

Desde a súa creación, o obxectivo do Cabido sempre foi o de conseguir o engrandecemento dun dos grandes símbolos de Galicia, a Catedral, e da cidade que a acolle, Santiago de Compostela.

Gabinete de prensa

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe (Pacios de Piñeira - Lugo, 1936).

Ex-conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Galicia. Impulsor do Xacobeo

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e secretario da Administración Local por oposición, exerceu a avogacía durante dezaoito anos, cando pertence a varios colexios de avogados.

Conselleiro da Xunta preautonómica, entre 1980 e 1981, participa na redacción do chamado Estatuto dos 16, precedente inmediato do actual Estatuto de Autonomía de Galicia, en cuxa campaña do referendo de aprobación participa activamente.

Deputado nas catro primeiras lexislaturas autonómicas, entre 1983 e 1986 é conselleiro de Educación e Cultura no goberno de Fernández Albor, etapa de asunción das competencias e de crecemento do sistema educativo galego.

Posteriormente, xa con Manuel Fraga de presidente, asume as consellerías de Relacións Institucionais e Portavoz do Goberno; a de Cultura e, finalmente, a de Asuntos Parlamentarios.

Promove e consegue que o Parlamento de Galicia aprobe, por unanimidade, o Xacobeo 93 como plan integral de rehabilitación física, cultural e económica do Camiño de Santiago; así como as leis de Protección dos Camiños de Santiago e do Patrimonio Cultural de Galicia.

Durante a súa xestión a UNESCO declara o Camiño de Santiago como Patrimonio Cultural da Humanidade. A súa traxectoria política continúa como senador.

Colaborou en periódicos, revistas e radios como comentarista político, así como en libros sobre o Camiño de Santiago.

Gabinete de Prensa