Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2018

Medallas de Ouro 2018

2018

María Emilia Casas Baamonde

León, 1950

Naceu en León en 1950, pois era alí onde exercía seu pai como rexistrador da propiedade. A súa familia, non obstante, é oriúnda de Monforte de Lemos. Licenciouse pola Universidade Complutense de Madrid en Filosofía e Letras e en Dereito, disciplina na que se doutorou con premio extraordinario. Nesta mesma Universidade converteuse na primeira muller de España en ocupar a cátedra de Dereito do Traballo e da Seguridade Social.

Posteriormente, foi membro da Comisión Xestora da Universidade Carlos III de Madrid e vicerreitora de Relacións Internacionais e Institucionais. Experta en relacións laborais, participou en seminarios e conferencias sobre a materia dentro e fóra de España, ademais de asesorar ao Goberno en materia de lexislación laboral.

No Tribunal Constitucional foi dobremente pioneira: en 1998 foi elixida maxistrada, a persoa máis nova ingresada na institución e en 2004 converteuse na primeira muller que presidiu o Tribunal. Permaneceu no cargo ata 2011, o que fai dela a presidenta máis lonxeva do Tribunal Constitucional ata o momento. Desde 2014 é “of counsel” do despacho xurídico Ejaso.

A Medalla de ouro de Galicia súmase a unha lista de recoñecementos entre os que se atopan tamén a Gran Cruz da Orde de Carlos III, que distingue “servizos eminentes e extraordinarios á nación” e a Gran Cruz da Orde de San Raimundo de Peñafort, que condecora aos máis distinguidos estudosos do Dereito e membros da Administración de Xustiza.

2018

Juan José González Rivas

Ávila, 1951

Naceu en Ávila en 1951, de pai natural do concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo e nai madrileña, pero tamén con raíces galegas. Licenciouse en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, pola que se doutorou en 1981 cun traballo sobre xustiza constitucional comparada e no ámbito español.

Ingresou na carreira xudicial en 1975 e o seu primeiro destino como xuíz foi en Piedrahíta (Ávila). En 1981 pasou a ser maxistrado e foi destinado a Barcelona, a Palma de Mallorca e posteriormente a Madrid, onde desempeñou diferentes responsabilidades tanto na xa extinta Audiencia Territorial como no Tribunal Superior de Xustiza. Foi letrado da Secretaría Xeral Técnica do Ministerio de Xustiza, do Consello Xeral do Poder Xudicial e letrado de carreira do Tribunal Constitucional.

Exerceu tamén no Tribunal Supremo, do que en 1997 se converteu en maxistrado da súa Sala Terceira e en 2009 foi nomeado membro electo da Sala de Goberno. É maxistrado do Tribunal Constitucional desde 2012 e presídeo desde 2017.

Juan José González Rivas é autor de varias publicacións no ámbito xurídico, exerceu a docencia universitaria e, desde 1981, é académico correspondente da Real Academia de Xurisprudencia e Lexislación.

2018

Álvaro Rodríguez Bereijo

Cedeira, 1938

Naceu en Cedeira en 1938. É licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e recibiu o premio extraordinario de licenciatura, por ser o mellor expediente académico da súa promoción. En 1996 doutorouse na Universidade de Bolonia e ocupou a cátedra de Dereito Financeiro e Tributario na Universidade Autónoma de Madrid. A mesma universidade nomeouno catedrático emérito cando a abandonou.

Foi membro do Tribunal de Contas entre 1986 e 1989 e maxistrado do Tribunal Constitucional entre 1989 e 1998. Os últimos tres anos, exerceu a presidencia desta institución.

Ademais, participou na convención que elaborou a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea por designación do Goberno español e foi conselleiro do Consello de Estado entre 2000 e 2004. Desde o ano 2003 forma parte do Consello Científico do Real Instituto Elcano, un centro de pensamento orientado á análise da política internacional.

Álvaro Rodríguez Bereijo posúe unha longa lista de recoñecementos, entre os que se poden citar a Gran Cruz da Orde de Carlos III, a Gran Cruz da Orde de Isabel la Católica (que distingue “comportamentos extraordinarios de carácter civil que redunden en beneficio da Nación ou contribúan a favorecer as relacións de amizade e cooperación da Nación Española co resto da comunidade internacional), a Gran Cruz do Mérito Civil (concedida tamén, como a anterior, polo Ministerio de Asuntos Exteriores) e é membro da Orde do Mérito Constitucional e da Orde do Mérito da República Federal de Alemaña, a única distinción de carácter xeral que existe no país teutón.

Discursos