Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2012

Medallas de Ouro 2012

Grupo Milladoiro

Grupo musical

Grupo de música folk e de música celta, que naceu a finais da década dos 70 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre, integrada por Xosé V. Ferreirós, Nando Casal e Ramón García Rei, cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Algúns dos seus componentes coñecíanse desde comezos da década dos 70 e outros de toda a vida.

É unha formación musical que permaneceu estable durante moito tempo, ata o ano 2000 no que Rodrigo Romaní, que para moitos era a cabeza visible da formación, abandona o grupo para seguir un camiño en solitario.

Comparten a paixón pola música e polo noso país, e durante anos levan realizado unha incansable labor de recuperación e reivindicación da tradición musical galega.

Milladoiro é un dos principias embaixadores da cultura galega por todo o mundo, ademais de participar no campo da fusión e investigación de novas formas artísticas.

O seu primeiro concerto foi o 15 de maio de 1979 no Colexio Salesianos de A Coruña e na súa andaina musical teñen no seu haber vinte e catro discos entre os anos 1979 e 2008.

Durante os anos o grupo foi evolucionando cara unha música cada vez máis elaborada, de aspecto clásico, pero que mantén as súas referencias na música galega. Os seus discos e directos manteñen a alternancia entre o repertorio máis folk e as pezas de
carácter máis concertista.

Milladoiro está considerado como un dos pioneiros da modernidade no folk galego, innovando nas combinacións instrumentais pouco habituais, ou sendo primeiro grupo folk que gravou música acompañados de pandereteiras.

A súa versatilidade, demostrada non só nos seus traballos como grupo senón noutras producións e colaboracións, serviulles para gañar un Premio Goya en 1986 pola banda sonora orixinal da película La mitad del cielo, de Manuel Gutierrez Aragón.

Entre os seus discos destacan o titulado Iacobus Magnus, gravado no ano 1994 coa English Chamber Orchestra, encargado polo Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela como conmemoración do Ano Santo, e que é o primeiro traballo de Milladoiro con orquestra.

Tamén pode destacarse o disco titulado Gallaecia Fulget, gravado no ano 1995, encargado pola Universidade de Santiago de Compostela para a exposición conmemorativa dos 500 anos da súa fundación.

Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia

Institución científica e cultural

O pasado ano cumpríronse 180 anos dende o seu establecemento, que tivo lugar o 7 de xuño de 1831 en Santiago de Compostela, aínda que a súa creación fora aprobada por un real decreto de Fernando VII o 28 de agosto de 1827. O 18 de xullo de 1833, a Real Academia trasladouse á cidade da Coruña, na que se mantén ata a actualidade.

O nacemento da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, xunto con outras nove aprobadas no mesmo real decreto de Fernando VII, representou a primeira tentativa seria para organizar, de maneira global, o devir da medicina.

Na actualidade, as súas misións principias son as de cultivar e estimular o estudo e a investigación das ciencias médicas; auxiliar ás autoridades nas cuestións sanitarias; conservar e cultivar unha biblioteca especializada e informar aos investigadores sobre
cuestións sanitarias.

A principal expresión desas actividades constitúena a realización de sesións científicas semanais, abertas aos profesionais médico-sanitarios en xeral e nas que que, como un foro de formación continuada en nivel de excelencia, se fai unha permanente posta ao día dos progresos médicos nos seus diversos aspectos preventivo, diagnóstico, pronóstico e terapéutico.

Igualmente, lévanse a cabo sesións de divulgación socio-sanitaria destinadas a contribuír á mellor educación, nesta materia, da poboación galega en xeral, impartindo conferencias “á carta” en atención ao que a sociedade demande.

A Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, como institución, recibiu a Placa de Ouro ao Mérito Sanitario de Galicia no ano 2003, o XII Premio “Novoa Santos” de ASOMEGA (Asociación de Médicos Galegos no exterior) no ano 2007 e a Medalla de
Ouro da Cidade da Coruña no ano 2009.

Na actualidade, presidida polo profesor D. José Carro Otero, forman parte da Academia 38 académicos numerarios; 6 académicos de honra; 5 académicos honorarios e 301 académicos correspondentes (204 residen en Galicia; 63 noutros lugares de España e 34 no estranxeiro: Alemaña, Arxentina, Cuba, Francia, Gran Bretaña, Italia, Uruguai e Estados Unidos).

A Real Academia promove becas, premios, congresos para potenciar a divulgación das ciencias médicas. A súa máxima distinción é a Medalla de Honor, que no ano 2012 recaeu na Escola Naval Militar de Marín como recoñecemento á colaboración que veñen
mantendo estas dúas institucións dende que comezaron a colaborar organizando diversas sesión de carácter académico para os alumnos do centro castrense de Marín fai xa unha década.

Javier López López

Osnabrück –Alemaña-, 1974 – A Coruña, 2012

Policía Nacional, heroe do Orzán

Nace no seo dunha familia emigrante, que ao seu regreso se establece no barrio coruñés do Castrillón, onde rexentan o popular mesón Miña Terra.

Licenciado en Dereito, entrou na Academia da Policía Nacional de Ávila en 2003. Desde que finalizou a súa formación estivo destinado na capital coruñesa. Era membro do Grupo de Atención ao Cidadán da Brigada de Seguridade Cidadá.

Falece aos 38 anos de idade, na madrugada do 27 de xaneiro de 2012, en acto de servizo, intentando salvar a vida ao mozo estudante eslovaco Tomas Velicky.

O Ministerio do Interior concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito Policial a título póstumo.

José Antonio Villamor Vázquez

Friol-Lugo, 1978 – A Coruña, 2012

Policía Nacional, heroe do Orzán

Estuda Formación Profesional, rama de electricidade en Lugo, e traballa nunha empresa de montaxes eléctricas.

En 2002 ingresa no Corpo Nacional de Policía, sendo inicialmente destinado a Lanzarote.

En 2008 chega á cidade da Coruña.

Era membro do Grupo de Atención ao Cidadán da Brigada de Seguridade Cidadá.

Falece aos 34 anos de idade, na madrugada do 27 de xaneiro de 2012, en acto de servizo, intentando salvar a vida ao mozo estudante eslovaco Tomas Velicky.

O Ministerio do Interior concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito Policial a título póstumo.

Rodrigo Maseda

Burela-Lugo, 1977 – A Coruña, 2012

Policía Nacional, heroe do Orzán

Estuda no instituto da súa vila natal e decídese pola Formación Profesional, antes de optar por entrar na Policía. Bo deportista, colabora co Club Deportivo Burela de fútbol sala.

Antes de chegar á cidade coruñesa, está destinado en Viveiro, Navarra e o País Vasco. Era membro do Grupo de Atención ao Cidadán da Brigada de Seguridade Cidadá.

Falece aos 34 anos de idade, na madrugada do 27 de xaneiro de 2012, en acto de servizo, intentando salvar a vida ao mozo estudante eslovaco Tomas Velicky.

O Ministerio do Interior concedeulle a Medalla de Ouro ao Mérito Policial a título póstumo.

Discursos