Xunta de Galicia
Xacobeo 2021

Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2001

  • Gustavo Noboa Bejarano
  • Eugenio Fernández Granell (a título póstumo)
  • Francisco Fernández del Riego
  • Caixa Galicia

Gustavo Noboa Bejarano (Guayaquil, 1937).

Presidente Constitucional República de Ecuador

Con orixes na localidade ourensá de Maceda, Gustavo Noboa é o segundo entre oito irmáns dunha familia de clase media.

Estuda Dereito e posteriormente dedícase ao ensino, ámbito en que chega a ser, en 1986 e durante 10 anos, reitor da Universidade Católica de Santiago de Guayaquil.

Empresario do sector azucreiro, gobernador por breve tempo da provincia de Guayas, actúa como embaixador plenipotenciario nas negociacións entre Ecuador e Perú, que finalizan coa firma en 1998 da paz de Brasilia, que pon fin ás disputas territoriais entre ambos os países.

Moderado e sen pertenza a ningún partido político, desestima diversos ofrecementos para entrar en política, ata que en 1998 acepta a vicepresidencia de mans de Jamil Mahuad, do partido centrista Democracia Popular-Unión Demócrata Cristiá (DP-UDC).

En xaneiro de 2000, Mahuad é derrocado por un golpe de Estado cívico-militar, que ás poucas horas se disolve e entrega o poder como presidente a Gustavo Noboa, lexitimado posteriormente polo parlamento ecuatoriano. Ese mesmo ano culmina a dolarización do país, causa da caída de Mahuad, e a desaparición tras 116 anos da moeda nacional, o sucre. Termina o seu mandato en 2003, tras as novas eleccións.

Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, Gustavo Noboa foi distinguido co Grande Colar da Orde Nacional de San Lourenzo, de Ecuador, e coas ordes vaticanas de San Silvestre e San Lourenzo Magno.

Gabinete de Prensa

Eugenio Fernández Granell (a título póstumo) (A Coruña, 1912 – Madrid, 2001).

Pintor, violinista, escritor e poeta surrealista galego

Home de saber renacentista, inicia os seus estudos en Santiago de Compostela e continúaos en Madrid, en 1928, na Escola Superior de Música.

Doutor en Socioloxía na New School for Social Research de Nova York, participa activamente nas conversas literarias de Madrid, afíliase ao POUM e durante a guerra dirixe e colabora en diversas publicacións. Tras a guerra, o seu exilio lévao por Francia, República Dominicana, Guatemala, Porto Rico, Os Ánxeles e Nova York, ata que en 1985 se instala definitivamente en Madrid.

O seu carácter multidisciplinario demóstrase nas súas diferentes ocupacións: primeiro violín nunha orquestra sinfónica, xornalista, ilustrador, catedrático de Historia da Arte ou profesor de literatura española.

En 1941, en Santo Domingo, coñece ao creador do surrealismo, André Bretón, con quen inicia unha amizade e colaboración. Na illa caribeña tamén funda, xunto ao poeta chileno Alberto Baeza, a revista La poesía sorprendida, na que participarán Juan Ramón Jiménez, Pedro Salinas e Jorge Guillén.

A partir de 1947, coa exposición Le Surréalisme en París, que organizan Breton e Duchamp, intégrase activamente no movemento surrealista. Instalado en Nova York, alterna a pintura, a docencia e a publicación da súa obra literaria, con títulos como El calvo, Lo que sucedió, Federica no era tonta e Estela de Presagios.

Fernández Granell, ademais da Medalla de Ouro de Galicia, foi recoñecido con múltiples distincións, entre elas a Medalla de Ouro das Belas Artes, o Premio de Novela Don Quijote de México ou o premio de pintura da Fundación William e Norma Copley de Nova York.

Gabinete de Prensa

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá-Lugo, 1913-Vigo, 2010).

Escritor, intelectual e político galego. Ex-presidente da Real Academia Galega.

Inicia a carreira de Dereito en Madrid e continúaa na Universidade de Santiago, estudos que alterna cos de Filosofía e Letras. Incorpórase á docencia universitaria, da que será apartado ao acabar a Guerra Civil.

Comeza a militar no galeguismo na etapa republicana e participa no Seminario de Estudos Galegos e no grupo Nós.

Na década dos 40, en Vigo, inicia a actividade clandestina para reconstruír o galeguismo.

En 1950, canda Ramón Piñeiro e Xaime Illa, é un dos fundadores da editorial Galaxia, desde a que lidera o proceso de restauración cultural da posguerra. Codirixe a revista Grial.

En 1960 é elixido membro numerario da Real Academia Galega, que posteriormente pasa a presidir a partir de 1997.

Por iniciativa súa, a institución decidiu instituír o Día das Letras Galegas.

Director da Biblioteca Penzol desde a súa fundación. É autor dunha extensa obra literaria que abarca desde os ensaios sobre cultura e literatura galegas, Galicia no espello; ata a literatura de viaxes, As peregrinacións xacobeas; pasando por biografías, dicionarios e libros de memorias.

Distinguido coa Medalla de Ouro de Galicia, tamén foi recoñecido coa Medalla de Ouro de Vigo, a Medalla Castelao, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago e o doutoramento honoris causa da Universidade de Vigo.

Gabinete de Prensa

Caixa Galicia

Caixa de aforros galega.

Caixa Galicia nace en 1978 en pleno proceso de concentración das caixas de aforro españolas.

Xorde da fusión da entidade máis importante de Galicia naquel momento, a Caixa de Aforros da Coruña e Lugo, cuxas orixes se remontan a finais do século XIX, e a Caixa Xeral de Aforros de Ferrol.

Paulatinamente Caixa Galicia vai anexionando novas entidades: Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago (1980), Caixa de Aforros Provincial de Lugo (1982), Caixa Rural de Pontevedra e Caixa Rural da Coruña (1986), Caixa Rural de Ourense (1988), Caixa Rural de León (1992) e o Banco de Fomento (1993).

En 2010, no marco do proceso de reestruturación bancario español, Caixa Galicia fusiona con Caixanova, para dar lugar a unha nova entidade, NovaCaixaGalicia, que en 2011 se converte en Novagalicia Banco.

Ademais da súa actividade económica e financeira, Caixa Galicia, a través da súa Fundación, creada en 1989, desenvolve unha importante actividade de cara á sociedade galega. O seu labor diríxese a colectivos como a infancia, os estudantes, os emprendedores ou os maiores; en ámbitos como o da sanidade, a educación, o deporte, a investigación ou a formación empresarial; mediante aulas de cultura, exposicións, patrocinios, actividade editorial, etc.

Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, Caixa Galicia, a través da súa Fundación, foi recoñecida coa Medalla de Ouro das Belas Artes.

Gabinete de Prensa
  • Carlos Quintanilla Schmidt
  • Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia
  • Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial da Universidade de Vigo
  • Centro Gallego de Vizcaya en Barakaldo
  • Colegio Manuel Peleteiro
  • Antonia Conde Nieto
  • Escuelas de la Inmaculada Concepción
  • Farmacia Doctor Couceiro Serrano
  • José Antonio Ferreiro Piñeiro
  • José María Gómez y Díaz Castroverde
  • Ernesto Gómez Vidal
  • Basilio Losada Castro
  • Leonardo Mathías
  • Fidel Montoto Montoto
  • Pescanova
  • Robert Georg Plötz
  • Servicio de Busca e Salvamento Marítimo de Galicia
  • Unión de Artesáns de Santiago de Compostela
  • José Luis Varela Iglesias
  • José Calvo González
  • Antón Abreu Bastos
  • Juan Alvite Iglesias
  • Delfina Cendón Orge
  • Andrés Díaz de Rábago Pérez
  • Carlos Franjo Franjo
  • Celso González Gómez
  • Ernesto Lagarón Vidal
  • Manuel Mallo Mallo
  • Carlos Antonio Ortiz Ramos
  • José Walter Pena Mañana
  • Juana Permuy Vilasuso
  • Manuel Ríos Rial
  • José Rodríguez Rodríguez
  • Javier Seoane Vázquez
  • Manuel Souto Rodríguez
  • José Manuel Torrente Pérez
  • Loida Zamuz Martínez