Tabaré Ramón Vázquez Rosas (Montevideo, 1940).
Presidente da República Oriental do Uruguai
Con orixes familiares en Ourense e Santiago, Tabaré Vázquez nace nunha familia humilde dunha barriada popular de Montevideo. As dificultades económicas derivadas dos problemas de saúde dos seus pais e dunha irmá, obrígano a deixar temporalmente os estudos durante catro anos, época en que realiza diversos traballos, desde mozo de almacén a auxiliar de laboratorio nunha fábrica de viños e licores.
O exemplo do médico que atende á súa familia, decídeo a cursar medicina –matricúlase en 1963- e especializarse en oncoloxía na Universidade da República do Uruguai e no Instituto Gustave Roussy de París, cunha bolsa do goberno francés. En 1965, xunto con varios compañeiros de estudos, pon a andar unha policlínica e un comedor social para atender os seus veciños do barrio da Tella.
Desde finais dos anos setenta, exerce como oncólogo no Hospital da Casa de Galicia e no Hospital Británico, ata que consegue por oposición a dirección do departamento de radioterapia do Instituto Nacional de Oncoloxía. Non é ata 1983 cando entra en política, ingresando no Partido Socialista. En 1989 convértese no primeiro político de esquerdas en ganar a alcaldía (intendencia) da capital Montevideo.
En 2004 é elixido, na primeira volta, presidente do Uruguai. Durante o seu mandato creou o Imposto á renda das persoas físicas (IRPF), a lexislación antitabaquismo e fomentou a incorporación das novas tecnoloxías ao sistema educativo.
Tabaré Vázquez é autor dun libro, Crónica de un mal amigo, sobre o tratamento e prevención do cancro.
Real Coro Toxos e Froles (Ferrol, 1914).
Agrupación musical
Créase en 1914 en Ferrol, por iniciativa de Manuel Lorenzo Barja, operario do obradoiro de forxa do arsenal e gaiteiro. El, xunto con Luis Amor soto, oficial de infantaría retirado, dan forma á idea de que a cidade conte cun coro galego.
A primeira actuación ten lugar en maio de 1915, no Teatro Jofre de Ferrol. Inicialmente estaba formado só por homes, as mulleres incorporáronse en 1920. Dous anos despois gravan o seu primeiro disco, en que se inclúen 19 temas populares e a versión íntegra do Himno Galego.
O título de Real foilles concedido en 1928, tras unha actuación que realizaran o ano anterior ante Afonso XIII.
Ao longo da súa historia realizou múltiples actuacións e xiras por toda España, Portugal, Francia, Gran Bretaña, Suíza, Italia, México e Cuba, entre outros lugares. En 2005 inaugurou a súa nova sede.
Creado como coro e teatro popular, co paso do tempo incorporou outras seccións e escolas, como as de instrumentos e danzas tradicionais, orquestra de pulso e púa, encaixeiras e bordadoras.
Ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, o Real Coro Toxos e Froles foi recoñecido coas medallas de prata de Ferrol e a provincia da Coruña, e a Cruz ao Mérito Naval, entre outras distincións.
Santiago Rey Fernández-Latorre (A Coruña, 1938).
Presidente da Corporación Voz de Galicia S.A..
Licenciado en Dereito, en 1963 accede á xerencia do diario La Voz de Galicia, fundado en 1882 polo seu avó, Juan Fernández Latorre. Conselleiro delegado ata 1988, ano en que é nomeado presidente, posto que ocupa ata a actualidade.
Baixo a súa dirección, o periódico, actualmente o de maior difusión de Galicia e o quinto xeneralista de España, vive a súa grande expansión: acomete unha total renovación técnica, chega ata os 700.000 lectores diarios, crea o sistema de edicións que dá cobertura a toda Galicia e inaugura, en 1992, o edificio intelixente que alberga a planta de impresión de Sabón (Arteixo-A Coruña).
Convertida en grupo multimedia, a Corporación Voz de Galicia inclúe o Diario de León, a cadea Radio Voz, a produtora Voz Audiovisual, o instituto demoscópico Sondaxe e a sociedade de contidos dixitais, Canal Voz, entre outros.
Cofundador da axencia de noticias COLPISA, Santiago Rey pon en marcha e preside, entre 1987 e 2005, a empresa Taller de Editores (TESA), que publica o suplemento líder da prensa española, El Semanal. Funda e é o primeiro presidente da AEDE (Asociación de Editores de Diarios Españois).
En 2001 crea a fundación que leva o seu nome, dedicada á cultura e aos medios de comunicación en Galicia, desde onde promove o programa medioambiental Voz Natura, o Museo da Voz, e o premio de xornalismo Fernández Latorre.
Recoñecido co doutoramento honoris causa pola universidade da Coruña, ademais de coa Medalla de Galicia, foi distinguido coa Grande Cruz do Mérito Civil e designado Fillo Predilecto da Coruña.
Agustín Sixto Seco (Mugardos-A Coruña, 1926 – Santiago de Compostela, 2004).
Traumatólogo e intelectual galego
Licenciado en Medicina e Cirurxía, especializado en Traumatoloxía e Ortopedia, Agustín Sixto Seco é unha das principais figuras da medicina e a cultura de Galicia no século XX. Desde 1953 mantén unha activa participación en asociacións e organizacións médicas, principalmente relacionadas coa cirurxía ortopédica e a traumatoloxía, tanto galegas coma españolas e internacionais.
En 1964 funda o Instituto Policlínico A Rosaleda, dez anos despois a Sociedade de Cirurxía de Galicia e en 1980 funda e preside a Sociedade Galega de Ortopedia e Traumatoloxía. Tamén é membro da Comisión Nacional de Especialidades Médicas.
No ámbito da cultura, promove e participa en grande número das iniciativas que xorden en Galicia na segunda metade do século XX, onde entra en contacto con intelectuais como Otero Pedrayo, García-Sabell, Carlos Casares ou Fernández del Riego, por citar algúns.
Entre os postos que ocupa destacan o de conselleiro na Editorial Galaxia, presidente do Padroado Rosalía de Castro; presidente da Fundación Otero Pedrayo; patrón fundador do Museo do Pobo Galego; patrón das fundacións Castelao, Penzol e Alfredo Brañas; e secretario do Consello da Cultura Galega.
A súa biblioteca e arquivo persoal forman parte, tras a súa morte, da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura e recentemente a Xunta de Galicia creou os premios Emprende Gaiás-Sixto Secto, para fomentar o emprendemento no ámbito cultural.
Foi distinguido, ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, co Premio Nacional de Ortopedia e coa Medalla de Ouro do Centro Galego de Bos Aires.