Asociación de Víctimas del Terrorismo
Organización benéfica e asistencial
A Asociación Vítimas do Terrorismo (AVT) é unha organización apolítica de carácter benéfico asistencial que se constitúe en 1981, polo impulso de tres mulleres. O seu obxectivo é loitar contra o abandono e a marxinación das vítimas do terrorismo.
O seu papel foi moi destacado na consecución de importantes medidas políticas, sociais e xudiciais, que permitiron mellorar, substancialmente, a situación das vítimas. Ademais, contribuíu a espertar unha grande sensibilidade cara aos que sofren a barbarie terrorista.
Os socios da entidade son vítimas directas do terrorismo, ben persoas feridas que sobreviviron, ben familiares directos de persoas asasinadas. En total atende máis de 6.000 persoas, a través dunha ducia de delegacións territoriais.
A AVT desenvolve o seu labor a través de seis áreas: atención socio-asistencial ás familias afectadas, apoio psicolóxico, investigación sobre os efectos dos atentados nas vítimas, formación e emprego, sensibilización social fronte ao terrorismo e asistencia xurídico-administrativa.
Alfonso Castro Beiras (Santiago de Compostela, 1944).
Cardiólogo galego
Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Medicina pola Universidade Autónoma de Madrid. Nos anos setenta é cardiólogo no Hospital Porta de Ferro de Madrid, para despois pasar a exercer no Complexo Hospitalario Universitario Juan Canalejo, da Coruña, do que actualmente é director da Área de Corazón e Xefe do Servizo de Cardioloxía.
Entre os cargos de relevancia que desenvolveu figuran os de vicepresidente científico executivo da Casa do Corazón da Sociedade Española de Cardioloxía, presidente do Relatorio de Sanidade (A Medicina de Galicia en Movemento 2000-2010) do Proxecto Galicia 2010, director do Grupo MEIGA (Mellora do Infarto en Galicia), co-director do Grupo GRACIA (Grupo de Análise da Cardiopatía Isquémica Aguda), e director-coordinador do Plan Integral de Cardiopatía Isquémica do Ministerio de Sanidade.
No ámbito da docencia impartiu as súas ensinanzas na Universidade Autónoma de Madrid, Universidade de Santiago, Universidade Internacional Meléndez Pelayo e actualmente é Catedrático na Universidade da Coruña. É autor de máis de 337 publicacións nacionais e internacionais en campos da epidemioloxía clínica, marcapasos, transplante cardíaco e cardioloxía clínica. Fixo máis de 600 intervencións en congresos médicos nacionais e internacionais.
Ademais da Medalla de Ouro de Galicia, foi recoñecido con outras distincións como o Premio Arthur Andersen de Xestión Clínica, o Premio Bristol Myers Squibb e o Premio Boehringer Mannhein.
Rodolfo Martín Villa (Santa María do Páramo-León, 1934).
Comisionado do Goberno para as actuacións derivadas da catástrofe do buque Prestige
Realiza os estudos de Enxeñaría Industrial na Universidade Politécnica de Madrid e posteriormente incorpórase como membro do corpo de Inspectores Financeiros e Tributarios do Estado.
Desde novo intervén na política a través da súa vinculación co denominado sindicato vertical, ocupando diversos postos de responsabilidade, ata que en 1969 é nomeado Secretario Xeral da Organización Sindical.
Tras un fugaz paso como Gobernador Civil de Barcelona, inicia o seu traxecto por diversos ministerios: ministro de Relacións Sindicais con Carlos Arias Navarro, ministro de Gobernación (Interior) e ministro para a Administración Territorial con Adolfo Suárez, así como vicepresidente de Administración Territorial con Leopoldo Calvo Sotelo.
Senador por designación real e deputado por UCD (1979-83) e polo PP (1989-97). A partir da vitoria do PP nas lexislativas de 1996, e despois dun breve período como presidente da Comisión de Xustiza e Interior do Congreso, centra a súa actividade no mundo empresarial.
Entre outros postos ocupa a presidencia de Endesa e Sogecable. En 2003 é nomeado comisionado do Goberno para as actuacións derivadas do sinistro do Prestige.
Faro de Vigo
Periódico. 150 aniversario
É a publicación periódica decana da prensa española, por ser a máis antiga das que se publican na actualidade.
Fundado como semanario, hoxe é diario, por Ángel de Lema y Marina, imprimiuse por primeira vez o 3 de novembro de 1853, no obradoiro tipográfico que este tiña na viguesa rúa da Oliva.
Faro nace coa idea de coadxuvar nos intereses de Galicia. Ao longo dos seus máis de 150 anos de historia converteuse nun elemento esencial da vida galega, con especial incidencia no centro e sur da Comunidade. O diario logrou identificarse de tal forma coa súa área de influencia que os termos faro e periódico son sinónimo para os cidadáns cando acoden ao quiosco.
Faro publica cada día seis edicións e mantén 11 delegacións en Galicia e Portugal. Desde 1986 pertence a Editorial Prensa Ibérica, grupo de comunicación que integran na actualidade catorce cabeceiras xornalísticas de toda España. Vive un período de crecemento e aumento da difusión, así como da súa proxección social, coa creación en 1992 do Club Faro de Vigo, como foro de debate e opinión. En 1999 ponse a andar a edición dixital.
Faro de Vigo, ademais de coa Medalla de Ouro de Galicia, foi distinguido co Premio Stendhal para o xornalismo e a comunicación en Europa, e o Premio Galicia de Comunicación, entre outros recoñecementos.
El Correo Gallego
Periódico. 125 aniversario
O diario máis antigo de cantos se publican en Galicia nace en Ferrol en 1878 no contexto da Restauración monárquica e parlamentaria, da que será decidido defensor.
Fundado polo home de prol ferrolán José Mariano Abizanda San Martín, que puxo como primeiro director a Victorio Novo Gracia, apareceu co significativo subtítulo de Diario político de la mañana. Posteriormente pasa ás mans da familia Barcón, que o converte nun activo dinamizador cultural e político da cidade departamental, e en foco de defensa dos sinais de identidade galegos. En 1938, tras 60 anos en Ferrol, El Correo Gallego trasládase a Santiago, adquirido pola Editorial Compostela, editora de El Eco de Santiago. Tras varias vicisitudes, entre elas un intento de colaboración co Faro de Vigo, que non chega a bo porto, en 1965 Feliciano Barrera asume o control da editorial e o diario, iniciando un camiño que o leva ata a actualidade. Entre os seus fitos, publicar en 1994 o primeiro diario integramente escrito en galego O Correo Galego.
Presente en calquera lugar en que exista unha comunidade galega, desenvolve múltiples iniciativas de promoción da cultura galega, como Fonoteca 92, serie de casetes con música, tradicións populares, teatro e voces de galeguistas históricos; e Galegos: Quen é quen na Galicia dos 90, colección de 5.000 biografías de personaxes galegos.
Anualmente concede os galardóns Galego do Ano.