Medallas de Galicia

Medallas de Galicia 2015

Medallas de Ouro 2015

2015

Xosé Neira Vilas

Vila de Cruces, 1928

Escritor.

Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928) é un dos escritores máis destacados da literatura galega contemporánea.

Emigrado durante 43 anos, primeiro en Arxentina e despois en Cuba, os recordos da súa infancia na aldea foron o material que nutriu “Memorias dun neno labrego” (1961), o libro máis lido da historia da literatura galega. Neira Vilas seguiu retratando a vida no rural galego desde unha perspectiva infantil con “Cartas a Lelo” (1971) e “Aqueles anos do Moncho” (1977) e desde un ollar adulto con obras como “Xente  no rodicio” (1965) e “Querido Tomás” (1980). Tamén é un destacado cronista da emigración, con volumes como “Camiño bretemoso” (1967).

Volveu a Gres, a súa aldea natal, en 1994. Hoxe segue publicando e a súa última obra, “Semente galega en América”, foi presentada en xullo de 2015.

2015

Manuel Sánchez Salorio

A Coruña, 1930

Oftalmólogo e director do Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Manuel Sánchez Salorio (A Coruña, 1930) é oftalmólogo e exerce na actualidade como director do Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Profesor na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela desde 1956 e catedrático desde 1963, iniciou a Escola Profesional de Oftalmoloxía, coñecida como Escola Galega de Oftalmoloxía, da que saíron algúns dos oculistas máis destacados de España.

De profunda vocación humanista, Sánchez Salorio defendeu sempre unha medicina centrada no paciente.

2015

David Cal Figueroa

Cangas, 1982

Piraguísta e deportista máis laureado do olimpismo español.

David Cal Figueroa (Cangas, 1982) é un piraguísta, especializado nas modalidades C1 500 e C1 1000 en augas tranquilas, é o deportista máis laureado do olimpismo español, con cinco medallas, unha de ouro e catro de prata.

Ademais, obtivo catro bronces e unha prata nos campionatos europeos de piragüísmo, foi tres veces subcampión do mundo e unha campión, en 2007. En marzo deste ano retirouse da alta competición.

2015

Enrique Beotas

Ávila, 1952 – Santiago, 2013

Creador da Sexta Provincia.

Enrique Beotas (Ávila, 1952 – Santiago, 2013), destacado xornalista e comunicador, impulsou a “Galicia, Sexta Provincia”.

Durante os anos 80 foi xefe de prensa de Manuel Fraga en Alianza Popular, despois sería director de comunicación de empresas como Acciona ou Unedisa. Durante dúas décadas, ademais, foi director de “La rebotica”, un dos máis destacados programas radiofónicos sobre saúde.

O amor a Galicia de Beotas, que se definía como galego, malia non ter nacido nesta terra, levouno a crear “Galicia, Sexta Provincia”, dez volumes de entrevistas con máis de 300 galegos de adopción.

A “Sexta Povincia” de Beotas xuntaba anualmente en Mondariz aos que formaban parte dunha comunidade que se ía facendo máis e máis grande. Da súa semente naceu este ano a Asociación Galicia Sexta Provincia.

Discursos